O Porriño, 17 de xuño de 2025.- O Concello do Porriño retoma dende o venres 27 de xuño as visitas ás parroquias coa súa oficina municipal móbil, unha caravana pioneira que dende o ano pasado achegando os servizos da administración local ao rural. Este ano, como novidade, o Alcalde Alejandro Lorenzo incorpora ao percorrido unha proposta innovadora: a gravación dun podcast coa veciñanza, que leva por título “A historia do teu pobo”.
O obxectivo da caravana segue a ser o mesmo: facilitar a atención directa nas parroquias en cuestións como urbanismo, limpeza, obras públicas, rexistro de documentos ou saneamento, sen necesidade de desprazarse ao centro urbano. A oficina móbil visitará un punto diferente os venres en horario de 9:00 a 13:00 h.
“Queremos que achegar o Concello á todos, que non só chegue en papel ou por ventá, senón que tamén se escoite, que se sinta e que quede para a historia do Porriño. Por iso nace este podcast, para dar voz a quen fixo e fai Porriño cada día”, explicou o alcalde. O primeiro episodio gravouse esta mañá na Praza do Concello e contou coa participación de Juaniña, veciña moi querida no municipio, que vén de cumprir 100 anos e foi recentemente homenaxeada cunha rúa co seu nome. Durante a conversa, Juaniña abriunos o seu corazón e compartiu lembranzas, anécdotas e consellos de vida cargados de historia e emoción.
“A historia do teu pobo” estará dispoñible proximamente nas redes sociais oficiais do Concello do Porriño, para que toda a veciñanza poida escoitar e compartir estes encontros que poñen en valor a identidade e a memoria viva das nosas parroquias.
Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso cunha administración próxima, participativa e humana, que escoita e dá protagonismo á súa xente. Queremos que O Porriño sexa o teu encontro.