Este venres chega ao Porriño GALICIA SABE AMAR, a campaña da Consellería do Mar para a promoción do consumo de peixe e marisco. Un dos catro foodtrucks que percorren o país repartirá petiscos gratuítos na Praza de abastos, en horario de 12 a 15 h, e na praza Arquitecto Antonio Palacios, de 18 a 21 h.
 
Esta iniciativa da Xunta de Galicia naceu no verán do 2021 para animar á veciñanza a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo.
 
Neste 2024 a iniciativa volve á estrada de novo levando o sabor das nosas rías a toda Galicia. En cada parada no camiño, os visitantes poderán degustar algún dos petiscos pensados para a campaña e realizados a base de produtos certificados do mar e da terra.
 
Esta campaña difundirá tamén material promocional, a través do cal se informa aos consumidores sobre a importancia social e económica do sector do mar, ponse en valor a pesca e o marisqueo na nosa comunidade, promóvese unha xestión sustentable dos recursos e garántese a trazabilidade dos produtos pesqueiros e a súa seguridade alimentaria.