- A organización espera dobrar o número de participantes xa anotados para o cal o prazo de inscrición segue aberto ata o día 17 a través da web www.emesports.es
- Esta fusión de dúas carreiras, que se celebrará o domingo 21 de setembro polas rúas do Porriño, foi presentada con maxia hoxe na Praza Arquitecto Antonio Palacios
O Porriño, 4 de setembro de 2025.- O Mago Xulio foi o encargado de conducir a presentación da CAE Interruning 2025 esta mañá na Praza Arquitecto Antonio achegando así, máis se cabe, a toda a cidadanía este evento deportivo que integra dúas probas, a que sería a terceira edición da Carreira de Empresas de Galicia e a XIV Interrunning, que conta nesta ocasión ademais cunha triple acción solidaria de apoio a Asociación Española Contra o Cancro, Aceesca e Afaga. Precisamente, a CAE Interrunning 2025 celebrarase o domingo, 21 de setembro, coincidindo co Día Mundial do Alzhéimer que promoven e poñen en valor as accións levadas a cabo por asociacións como Afaga, destinada a mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzhéimer e outras demencias.
O alcalde Alejandro Lorenzo destacou así que “estamos ante un evento único en Galicia, que unifica deporte popular, cultura empresarial e compromiso solidario, destinando parte dos fondos recadados a estas tres entidades sen ánimo de lucro. A Interrunning é moito máis ca unha carreira, estamos moi orgullosos de acoller un evento que promove hábitos saudables, visibiliza o compromiso social e dinamiza o centro urbano do Porriño. Con cada edición, damos un paso máis cara a excelencia”.
Por parte da organización da CAE interrunning, o seu coordinador Fredy Velasco, tivo palabras de agradecemento a patrocinadores e colaboradores, ademais de ao Concello do Porriño, destacando ao equipo de 129 voluntarios que o día da proba traballarán para que todo se desenvolva con total normalidade. Velasco explicou que as inscricións van a bo ritmo, “pasamos a barreira dos 1.000 e esperamos chegar aos 2.000 participantes”, para elo o prazo de inscrición mantense aberto ata ás 20.00 horas do día 17 de setembro a través da páxina web www.emesports.es.
A xornada do domingo arrancará ás 09.30 horas coa Andaina Antonio Palacios de 8 quilómetros, ás 11.30 horas será a saída das competicións 5K e 10K, das cales se poderá participar de xeito individual, en parellas ou en equipo de tres, e ás 12.45 e 12.50 horas celebraranse as carreiras infantís de Pitufos e Chupetes. Trala entrega de premios terá lugar unha “after run party” aberta a todo o público, con música, regalos e moito ambiente festivo.