- No que vai de ano prestou case 15.000 exemplares nos primeiros seis meses do ano
O Porriño, 18 de xullo de 2025.– A Biblioteca Municipal do Porriño consolídase como unha das bibliotecas galegas máis activas e dinámicas, situándose novamente á cabeza do ranking autonómico en número de préstamos e persoas usuarias durante o primeiro semestre do ano 2025.
Segundo os datos oficiais, a biblioteca porriñesa prestou case 15.000 exemplares nos primeiros seis meses do ano, cunha media de 2.500 volumes ao mes, para unha poboación de 21.000 habitantes. Este dato representa un incremento sostido no tempo, pois actualmente a biblioteca presta o dobre de exemplares que hai dez anos. Destaca especialmente o éxito das coleccións de cómics, que teñen un gran tirón entre o público infantil e xuvenil da vila e da comarca, así como a novela contemporánea máis actual, preferida pola poboación adulta.
A aposta do Concello do Porriño por manter unha colección actualizada e renovada, xunto co esforzo continuo na adquisición de novos exemplares, é un dos motores deste éxito. Ademais, a biblioteca desenvolve importantes programas para fomentar a lectura entre os máis novos, como o programa “Ler ao teu bebé”, no que cada neno e nena que nace recibe na súa casa unha caixa de benvida con libro, agasallo e información para facerse socio, así como a publicación periódica “Contos que curan”, que axuda a mediar emocionalmente a través da lectura.
En canto ás persoas usuarias, a Biblioteca Municipal do Porriño conta con 9.944 persoas rexistradas, o que representa case a metade da poboación local e reflicte tamén o uso do servizo por parte de veciños e veciñas da comarca. No primeiro semestre de 2025, 267 persoas fixéronse socias, o que supón un incremento anual do 10%, unha tendencia que se mantén estable desde hai anos.
AULA DE ESTUDO MUNICIPAL: UN NOVO ESPAZO PARA O SABER
A estes datos sumase a Sala de Estudo Municipal, inaugurada no outono de 2023, un espazo innovador de 200 metros cadrados e 80 postos de lectura situado no centro da vila. Esta sala está aberta os 365 días do ano cun amplo horario e xa conta con 1.840 persoas dadas de alta. Moitas delas úsana a diario, para estudar, ler ou traballar en silencio.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destaca: “Estes datos avalan o compromiso do Concello coa cultura, a educación e o acceso ao coñecemento. A Biblioteca Municipal é un espazo vital para a nosa comunidade, e seguimos traballando para que sexa un recurso de calidade para todas as idades. O incremento constante nos préstamos e no número de persoas usuarias é unha mostra clara do éxito destas políticas e do entusiasmo dos nosos veciños e veciñas pola lectura e o estudo. Seguiremos a investir para mellorar os servizos e facer da nosa biblioteca un referente non só en Galicia, senón tamén a nivel nacional.”
O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura e a educación, continuando a apostar por proxectos que fomenten o acceso á lectura e ao estudo para toda a cidadanía, consolidando así o Porriño como un referente de dinamismo cultural na comarca e en toda Galicia.