Do 18 de novembro ao 12 de decembro de 2024, os centros educativos do Porriño acollen as primeiras xornadas “Danzando na escola”, unha iniciativa que busca ofrecer a nenos/as e mozos/as unha forma divertida e diferente de facer exercicio mentres se coidan física e emocionalmente. Esta proposta, impulsada pola Concellería de Educación e a OMIX, conta coa colaboración da escola local de baile Studio57.
“España ocupa o terceiro lugar en Europa con maior prevalencia de sobrepeso, e os problemas de saúde mental entre os máis novos disparáronse nos últimos anos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Ante esta realidade, queremos ofrecer unha alternativa que os axude a sentirse mellor tanto por dentro como por fóra. E a danza é unha ferramenta perfecta para iso”.
No mesmo sentido se expresou a concelleira de Educación, Carolina González. “O baile ten un gran poder, non só para divertirnos, senón tamén para axudarnos a sentirnos ben e canalizar as nosas emocións. A través da danza, os nenos poden liberar enerxía, reducir o estrés e, o máis importante, mellorar o seu benestar emocional”, apuntou.
Durante estas xornadas, preto de 2.000 alumnos/as participan en talleres de baile de diferentes disciplinas, onde poden expresarse, aprender a traballar en equipo e liberar tensións acumuladas da rutina escolar. “O movemento non só axuda a mellorar a condición física, senón que tamén favorece a concentración, o control emocional e o desenvolvemento social dos nenos e nenas”, explicou o rexedor, quen participou da actividade xunto cos usuarios e usuarias de Aceesca Asociación. Ademais, inclúense música e danzas de diferentes culturas, promovendo o respecto e a interculturalidade.
A proposta de “Danzando na escola” está pensada para que todos os estudantes poidan gozar dunha forma de exercicio que, ademais de ser divertida, lles axude a afrontar as demandas diarias da escola con máis enerxía e optimismo.