Cumprir anos sempre é motivo de celebración, pero aínda o é máis se son máis de cen e ben cumpridos. É o caso de Bienvenida Lorenzo, a veciña máis lonxeva do Porriño, que xunto co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a súa familia soprou as velas do seu 101 aniversario.
Bienvenida naceu o 13 de novembro de 1922 no municipio veciño de Mos, pero aos 18 mudouse a O Porriño, onde seguiu vivindo ata hoxe xunto ao antigo campo da feira. Aquí formou a súa familia xunto ao seu marido, os seus catro fillos, catro netos e oito bisnetos.
Pese aos achaques propios da súa idade Bienvenida está perfecta de saúde e goza dunha lucidez e un sentido do humor encomiable, disfrutando das cousas cotiás con tranquilidade e a sabedoría de quen viviu máis dun século de experiencias.
“É unha honra ter a oportunidade, un ano máis, de escoitar a Bienvenida, trasmitirlle o meu cariño e empaparme tamén do seu”, apuntou Lorenzo, “Conversar con ela axúdate a crer na vida con máis forza”, As persoas maiores agradecen a vida, enténdena, cos seus momentos bos e coas súas dificultades, e sempre teñen a xenerosidade de ensinarnos para que non nos perdamos en trivialidades e vivamos. Hai que escoitalos”.
Alejandro e Bienvenida emprazáronse para o ano que vén, como non podía ser doutro xeito, para celebrar os 102, trato que asinaron cun sentido abrazo.