Un equipo de investigadores internacionais, liderado polos arqueólogos Eduardo Méndez-Quintas e Manuel Santonja, do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH) retomaron a semana pasada os traballos de investigación nas Gándaras de Budiño, “considerado historicamente o xacemento paleolítico máis importante de Galicia”.
Como puido comprobar a alcaldesa, Eva García de la Torre, que fixo unha visita ao lugar, estas investigacións, nas que participan investigadores portugueses, españois, franceses e australianos, teñen como obxectivo “explicar as características xeolóxicas deste importantísimo xacemento e datar definitivamente os diferentes episodio de ocupación humana”, sinala Eduardo Méndez-Quintas, director destes traballos.
200.000 anos de antigüidade
O xacemento de As Gándaras de Budiño foi un dos primeiros lugares de época paleolítica escavados en Galicia, tralo seu descubrimento en 1961. Inicialmente perforado por Emiliano Aguirre, mundialmente coñecido por ser o impulsor do proxecto Atapuerca, Budiño pasou a converterse nun xacemento altamente problemático, subliña Méndez-Quintas, “posto que as primeiras datacións deste lugar indicaban un cronoloxía de uns 26.000 anos, cando este tipo de lugares tiñan que ter unha idade superior aos 100.000 anos de antigüidade”. Esta circunstancia levou a idea de que no NW da Península Ibérica existía un Paleolítico atípico e anacrónico con respecto ao que acontecía no resto do SW de Europa. “Isto supuña un argumento para defender a idea do “atraso secular de Galicia”, o cal xa arrincaba no Paleolítico.
As investigacións actuais inciden nunha situación totalmente diferente, xa que “na actualidade sabemos que a primeira presenza humana na nosa rexión é anterior aos 300.000 anos, en cronoloxía semellantes as de outras rexión Europeas. Doutro lado os traballos en curso no xacemento indican que estamos ante depósitos moi antigos e con restos arqueolóxicos cunha cronoloxía que debe exceder amplamente os 200.000 anos de antigüidade”, afirma o director da escavación.
Estes traballos enmárcanse dento do proxecto de investigación internacional “Minho/Miño: Os primeiros poboadores do río Miño”, que estase a desenvolver de xeito simultáneo nas dúas beiras do río . Asemade estas investigación nas Gándaras de Budiño contan co apoio económico do Concello do Porriño.
Difusión dos traballos
Durante os traballos de escavación, e en colaboración co Concello, organízanse visitas guiadas aos traballos arqueolóxicos todos os días ás 5 da tarde, ata o vindeiro sábado, 14 de xullo, último día de traballos nesta primeira fase de investigación no xacemento.