A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, supervisou este mércores as obras que están a realizarse no barrio do Contrasto, onde apareceron refugallos de lindano, para levar a rede municipal de abastecemento de auga a todas as vivendas que carecían deste servizo, e que hai días que acometeu o Concello nesta zona de Torneiros e nas que se investirán uns 350.000€ que serán sufragados, na súa totalidade, con fondos municipais.
Hai uns días García de la Torre supervisara o inicio destes traballos que, lembrou, de novo, realízanse seguindo, “exactamente” os protocolos para garantir a seguridade dos operarios e dos veciños.
A alcaldesa reiterou que as obras están nos prazos previstos de xeito que a finais do verán todas as casas estarán xa conectadas á traída de augas municipal, “tal e coma prometerá ás veciñas e veciños”.
Outro dos compromisos que tiña con eles é o de informarlles “periodicamente e polo miúdo de canto fixeramos neste lugar”, e neste senso, o vindeiro luns, día 9, ás 8 da tarde, na sede da Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros, manterá unha xuntanza con todos eles para explicarlles cal é o estado das obras, indicarlles cales son os seguintes pasos a seguir, e respostar calquera pregunta e dúbida que teñan.
Todos os custos foron asumidos, polo dagora, polo Concello
A alcaldesa salientou, de novo, que o Concello do Porriño asumiu a totalidade dos custos de cantas iniciativas e accións acometéronse no Contrasto: o subministro de auga para o consumo diario, a instalación nas vivendas nas que non se podían usar os pozos e depósitos de 1.000 e 2.000 litros, que se enchen a demanda dos veciños; a contratación dos servizos dunha empresa especializada en tratamento de terras, dacordo coas indicacións, normas e criterios do Servizo galego de Xestión de Refugallos ou a realización dun dobre asfaltado no lugar nos que se apareceron restos de lindano cando estaban a facerse obras de saneamento.
Eva García de la Torre, insistiu en que “sempre, dende o primeiro minuto”, o Goberno local, a “seguirémolo a facer así”, mantivo puntualmente informados, tanto ás veciñas e veciños do Contrasto e aos representantes dos grupos municipais, coma á administración que ten a competencia exclusiva no que se refire á actuación en casos de contaminación coma este: a Xunta de Galicia.