A alcaldesa, Eva García, pídelle á Consellería de Sanidade que realice un cribado masivo no Porriño dado o aumento dos contaxios e a alta taxa de incidencia que presenta este concello.
A alcaldesa enviou a solicitude por escrito á Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, aproveitando que actualmente se están a realizar cribados similares en varios concellos da zona.
Segundo a actualización de hoxe do Sergas, O Porriño ten 129 casos activos e unha taxa de incidencia de 610. Estes datos foron comunicados por Eva Garcia aos membros da Comisión Municipal de Seguimento da Covid, que se reuniu por vía electrónica.
Mantéñense as medidas adoptadas polo Concello, incluída a suspensión temporal do mercado ambulante que hoxe xa non se celebraba. Sergio Casal, concelleiro de Mercados informou á Comisión de que falou cos representantes do grupo de vendedores ambulantes de que tamén poderán aproveitar a nova bolsa de axudas económicas directas que o Concello do Porriño acordou convocar e que especificarase en breve.