Os traballadores de Maderas Iglesias, reunidos en asemblea,amosáronse a prol de que o Concello do Porriño sexa un dos mediadores no conflito que o persoal mantén coa dirección da empresa.
Este mércores a alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto con concelleiro de Industria, Marcelino Coto, e o tenente de alcalde e o concelleiro de Emprego de Mos, mantiveron xuntanzas cos traballadores e con representantes da empresa de cara a facer posible un entendemento entre as dúas partes.
Eva García de la Torre sinalou que constatouse que a empresa xa pagara a meirande parte do adebedado ás traballadoras e traballadores, aos que aínda queda por cobrar unha cantidade, e sinalou que agora o eido no que hai máis desacordo é o desenrolo do Expediente de Regulamento de Emprego (ERE) temporal que afecta a boa parte das empregadas e empregados.
Neste punto, os traballadores sinalaron que a aplicación do mesmo non está a ser equitativa, posto que mentres hai membros do plantel que acumulan 300 ou 400 días de ERE, “e que están ao límite ou esgotando xa a súa prestación por desemprego”, outros ou non consumiron nin 20 días dese ERE.
Tanto a alcaldesa coma o concelleiro Coto reafirmaron a “total dispoñibilidade” do Goberno local a mediar nesta situación, “cumprindo o mandato do Pleno da Corporación”, coa finalidade de que esta mediación teña coma obxectivos o mantemento dos empregos e dos dereitos dos traballadores e o reforzo da viabilidade dunha empresa que forma parte da vida, do tecido social e da economía do Porriño.
Neste senso, considerando que Maderas Iglesias ao estar en concurso de acredores non pode acceder a liñas de creto, faise “vital” que cobre con puntualidade os encargos dos seus clientes, a alcaldesa e o concelleiro de Industria sinalaron a necesidade de que, considerando que a maior parte da débeda cos traballadores está xa pagada, os representantes sindicais poderían facer un xesto de boa vontade desconvocando as mobilizacións anunciadas para as vindeiras datas.
Este feito, indicaron Eva García de la Torre e Marcelino Coto, contribuiría a reforzar a imaxe de Maderas Iglesias e facilitaría que os seus clientes renovasen a súa confianza nesta empresa, posibilitando a que houbese un aumento dos pedidos e, co mesmo, un incremento da actividade.