Eva García, alcaldesa de O Porriño participou este mediodía, xunto con outros alcaldes e alcaldesas de concellos da ruta xacobea, nunha reunión telemática coa presidenta da Deputación. Tratouse dunha reunión da Mesa Provincial do Camiño na que Carmela Silva explicou aos responsables municipais as diferentes iniciativas que a Deputación está a desenvolver para pór en valor este itinerario cultura como un eixe estratéxico da estratexia turística de O Porriño e demais concellos do Camiño.

VOLTA CICLISTA

Por outra banda, David Alonso, concelleiro de Deportes participou noutra reunión telemática de responsables municipais dos concellos pontevedreses polos que transcorrerán etapas da Volta Ciclista a España coa Subdelegada do Goberno e mandos da Garda Civil de Tráfico. Pola súa banda David Alonso estivo acompañado de Julio Bernárdez, xefe de Deportes e Daniel Rodríguez, inspector xefe da Policía Local.

 
Na reunión telemática con Maica Larriba repasaron o libro de ruta nas diferentes etapas e as previsións de paso polas localidades. No caso de O Porriño, o vindeiro xoves 5 de novembro, terá lugar a saída lanzada da etapa decimo quinta, a partir das 10:50 horas.
A caravana sairá de Mos e chegará ao Porriño pola Avenida de Galicia de xeito neutralizado sendo a saída lanzada dende a rotonda dos Aloques e avenida Antonio Palacios en dirección a Ponteareas.
Segundo as previsións da organización será preciso cortar o tráfico por todas estas vías e outras afectadas, como a rúa Domingo Bueno aproximadamente media hora antes do paso da comitiva.