A alcaldesa da o primeiro paso para licitar as comunicacións do Concello e “pasar de ter o servidor nun váter a dispoñer duns sistema que resposte ás necesidades das veciñas e veciños do Porriño”
Eva García de la Torre mantivo unha xuntanza con responsábeis de distintas áreas do eido das telecomunicacións coma primeiro paso de cara a sacar a licitación as comunicacións do Concello, tanto de sistemas informáticos, datos e voz.
Neste momento o Concello, sinala Eva García de la Torre, “carece dunha infraestrutura informática fiable que se adapte as necesidades das novas redes de comunicación”, por iso, de xeito paralelo a mellora do portal web municipal, que permitirá implantar servizos coma a Administración Dixital, tanto co propio Concello coma con organismos coma o Consorcio de Augas do Louro, “necesitamos crear unha ‘autoestrada’ que permita que estes servizos poidan ser prestados de xeito sólido,seguro e inmediato e sen agardas para as veciñas e veciños”.
Ese horizonte tecnolóxico, subliña a alcaldesa “deberá axustarse ás novidades e aos adiantos que se impoñan”, da aí esta xuntanza con estes especialistas que, logo de rematar un estudo sobre das necesidades que ten a administración local, fixeron unha formulación para “poñer ao Concello do Porriño no século XXI”.
A licitación ten coma finalidade “dotarnos de fibra óptica, dispoñer dunha banda, dun caudal que permita a transmisión e recepción de datos con axilidade, de cara a acabar cos trámites físicos, e funcionar coas todas ferramentas ofimáticas necesarias en un entorno de traballo seguro, sen que haxa filtracións ou fugas de información”.
O obxectivo final é ter un sistema moderno, seguro e rápido que facilite ás xestións ás porriñesas e porriñeses, o cal suporá unha “licitación complexa e cun custo considerable pero que deixará postas as bases do que serán as bases tecnolóxicas da Administración Municipal durante os vindeiros 15 anos”.
A alcaldesa subliña que con esta iniciativa vaise pasar de “ter o servidor encima dun váter a dispor una infraestrutura acorde cos tempos actuais, ás necesidades dos veciños e ás exixencias da administración dixital”.