A Xunta Reitora da Universidade Nacional de Educación a Distancia, presidida por Carmela Silva e reunida este mércores en Pontevedra, aprobou a posta en marcha dun Aula da UNED no concello do Porriño.
En concreto, tal e como asegurou Silva, “trátase dun aula que impulsamos co apoio do propio Concello e da Confederación de Empresarios e vén a sumarse ás tres aulas que o Centro Asociado ten xa en funcionamento en Vigo, Portas e Tui”.
O pasado 16 de marzo a alcaldesa, Eva García de la Torre, xunto coas concelleiras de Educación, Lourdes Moure, de Emprego, Soledad Girón, a voceira do Grupo Municipal de Non Adscriitos, Sabela Landín, e o presidente dos empresarios do Polígono de A Granxa, Indalecio Cuevas, mantivera unha entrevista coa directora da UNED de Pontevedra, Beatriz Rodríguez, para tentar de traer a O Porriño a devandita aula.
Unhas semanas máis tarde, o Pleno do Concello aprobou, a petición da concelleira de Educación, instar á dirección da Universidade Nacional de Educación a Distancia a que abrise un aula no Porriño, proposta que agora ven de ser ratificada pola Xunta Reitora da UNED.
A alcaldesa cualifica esta decisión coma “histórica”, subliña que é “unha nova importantísima para O Porriño”, sinala que esta decisión é “froito do traballo realizado dende o Concello neste tempo” e adianta que o Goberno local xa ten “moi avanzado” o estudo da posible sede da Aula da UNED na vila.
Eva García de la Torre manterá, nas vindeiras semanas, unha xuntanza cos responsábeis da Universidade Nacional de Educación a Distancia para coñecer as necesidades que considera o centro para a apertura desta aula que, asegura, “será un espazo moderno, dotado coas últimas tecnoloxías que garanta unha formación de calidade e responda á demanda das empresas contribuíndo, deste xeito, a seguir diminuindo o desemprego do Porriño”.
A alcaldesa confirma que o primeiro paso será que a Aula da UNED no Porriño imparta os estudos de Acceso á Universidade de Maiores de 25 anos, ao tempo, que o Concello seguirá co seu compromiso de asinar convenios de colaboración cos empresarios dos grandes polígonos industriais da vila, “para deseñar a formación especializada” que teñan que completar as persoas que queiran acceder a empregos de calidade nas firmas radicadas no Porriño de xeito que, ao ano seguinte, sexa posible expor á Universidade Nacional de Educación a Distancia a súa implantación.