A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, vén de cesar dos seus cargos dentro do Goberno local ao tenente de alcalde de concelleiro de Vías e Obras e Deportes, Manuel Carrera, e ao concelleiro de Urbanismo, Industria, Comercio e Medio Ambiente, Marcelino Coto.

A

García de la Torre indica que viuse “forzada” a tomar esta decisión diante da “ineficacia e deslealdade” no exercicio dos seus cargos destes dous concelleiros aos que, lembra, “non so entreguei máis competencias das que figuraban no acordo de Goberno, asinado hai preto de catro anos, senón que di total independencia e confianza plena para a xestión das súas concellerías”.

Nulo interese na xestión do día a día

No que se refire a isto último, a alcaldesa aprecia, hai tempo, un interese nos dous concelleiros cesados so nos grandes proxectos e non no día a día, que é esencial para os cidadáns. Precisamente, son as veciñas e veciños os que de cote “transmítenme o seu descontento coa xestión de problemas que lles afectan na súa vida cotiá e que non foron resoltos polos devanditos concelleiros”.

“Ante estes feitos non quedou outra saída que dar un golpe na mesa e cumprir coa miña obriga que é a de solucionar eses problemas”. García de la Torre asegura que vai dar resposta aos porriñeses e porriñesas no que nos demandan, nas cousas grandes e nas pequenas, “temos un equipo solvente e persoal técnico e funcionarios moi cualificados para afrontar este traballo”.

Deslealdade

A esta falla de eficacia, salienta a alcaldesa, súmase unha “deslealdade” que pasa, non so polos intentos destes dous concelleiros de que sexa a alcaldesa quen asuma a súa falla de eficacia, senón os “seus ofrecementos reiterados ao Partido Popular, ben sexa para integrarse nas súas candidaturas ou para sumarse a unha moción de censura”.

Logo de asinar os decretos de cese nas súas funcións, García de la Torre asumiu as competencias que estes concelleiros viñan desempeñando ate hoxe.