A alcaldesa celebra que “por fin” Fomento e Xunta falen sobre o problema do paso do tren por O Porriño, agarda qye se retome o proxecto da Saída Sur e alerta de que “non se fixo nada” dende o accidente do 9 de setembro
Eva García de la Torre, que asistiu en Valença, invitada polo Goberno de Portugal, á presentación da modernización da liña férrea Valença-Viana-que forma parte do percorrido dos convois que pasan polo Porriño- celebra que o Goberno de Galicia e Ministerio de Fomento vaian a falar sobre a posible supresión do paso a nivel da vila.
A alcaldesa, agradeceu que, “por fin”, logo da xuntanza que ela mesma mantivo en outubro de 2015 cos responsábeis de Fomento, a Xunta de Galicia se involucre, “preto de dous anos despois”, na resolución dun problema que sofre O Porriño dende hai décadas.
García de la Torre preguntouse se as medidas sobre as que van a falar o Goberno de Galicia e os representantes de Fomento se limitarán á supresión do paso a nivel “¿ou van a presentar algún proxecto sobre a saída sur ferroviaria?”.
A alcaldesa subliñou que se o tema a tratar é so a supresión do paso a nivel, “non se vai a solucionar o principal problema que non é outro que o paso do tren polo centro do Porriño: a resolución pasa por retomar o proxecto da Saída Sur e desviar dúas liñas, a de pasaxeiros e a de mercadorías, do centro da nosa vila”.
Eva García de la Torre alertou de que hoxe segue existindo o perigo de que se repita un accidente coma o do pasado 9 de setembro, no que morreron catro persoas e preto de 50 resultaron feridas. “Non se fixo nada, absolutamente nada, xa non digo para eliminar, senón nin para reducir o perigo dunha nova traxedia: nada. Os trens seguen a pasar polo centro do Porriño a 130 quilómetros por hora e pódese repetir, en calquera momento, a traxedia que vivimos”.