O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu hoxe no Porriño xunto co alcalde Alejandro Lorenzo aos 78 integrantes da 15ª promoción de Policía Local que se está a formar na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Desde onte e ata mañá, o alumnado está a coñecer de primeira man como traballan os axentes da patrulla de Policía Local do municipio.
 
Trátase dun primeiro contacto coa actividade ordinaria dos axentes deste corpo de seguridade, antes de que comecen as súas prácticas este verán nos seus concellos de orixe. De feito, este mesmo venres remata a primeira parte da formación teórica na Academia, durante a época estival realizarán a parte práctica e en setembro volverán ás aulas a rematar a parte teórica e graduarse antes de tomar posesión.
Santiago Villanueva reafirmou o compromiso de colaboración da Xunta cos concellos galegos na selección e formación dos membros da Policía Local e puxo en valor que a AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade no que xa se formaron máis de 3.000 alumnos nas promocións de Policía Local e das distintas promocións de categorías de mandos.
 
Cada semana pasan tamén polas instalacións centos de forzas e corpos de seguridade e efectivos de servizos de emerxencias para actualizar os seus coñecementos nos cursos do plan de formación continua da Academia.
 
O rexedor, pola súa banda, deulles a benvida ao Porriño e animounos a aproveitar estes días que pasarán cos axentes da Policía Local para aprender deles e empezar a disfrutar dunha profesión que de seguro lles traerá moitas satisfaccións e boas experiencias. Lorenzo destacou tamén a responsabilidade e profesionalidade da Policía Local do Porriño.