José Luis Baños de Cos é o ganador da terceira edición do premio literario “Roberto Vidal Bolaño”, coa obra titulada “A cámara escura”. O galardón instituído polo Concello do Porriño, a Editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro entregouse hoxe pola alcaldesa Eva García nun acto condicionado polos protocolos anti-covid, celebrado no salón de sesión do consistorio porriñés coa asistencia do galardoado.
Baños de Cos é orixinario de Cádiz pero leva asentado en Galicia dende hai anos por razóns de traballo e persoais e “ven de amosar un excelente coñecemento da nosa lingua” como ponderou o xurado do certamen.
Raquel Castro, profesora do IES Ribeira do Louro e secretaria do xurado deu lectura á acta co fallo. O xurado valorou que “estamos diante dun texto cun estilo ben definido e que alén diso, presenta un rexistro de lingua máis urbana e máis próxima da mocidade; é un texto actual e eminentemente teatral xa que se lle pode sentir o pulso da escena”.
O premio consta de 2.000 €, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes e que computarán como dereitos de autor. Ademais o escritor galardoado recibiu un diploma acreditativo, unha escultura e a súa obra será publicada por Editorial Galaxia, a partir do ano que ven.
Francisco Castro, director xeral da editorial aproveitou a súa intervención para agradecerlle ao Concello do Porriño “pola súa sensibilidade á hora de apoiar este premio. Hoxe sodes unha das capitais culturais de Galicia no que atinxe ao mundo teatral e por suposto no que é o teatro orientado á mocidade, Porriño ocupa o posto máis elevado”, segundo valorou o director xeral de Editorial Galaxia.
Lourdes Moure, concelleira de Educación que acolleu hai tres anos a proposta que lle trasladaron o Instituto Ribeira do Louro e a editorial, manifestou que “o Concello vai continuar realizando esta achega anual de 2.000 euros e ogallá sexa por moitos anos máis”.
Pechou o acto a alcaldesa que subliñou “o esforzo enorme” realizado polos gobernos municipais que preside dende hai cinco anos o que vencellou con iniciativas como o apoio do Concello a este premio. “Propuxemonos sacar ao Porriño da condición de erial cultural que era dotandolle dunha programación cultural mensual e diferencíada que hoxe calquera veciño pode comprobar e consultar na lona que poñemos na rúa peonil”, manifestou Eva García.