Hoxe saíron as quince cartas que Eva García de la Torre dirixe aos seus homólogos nas alcaldías dos concellos tamén afectados, coma O Porriño, pola crise da empresa “Maderas Iglesias”, localizada no polígono industrial das Gándaras.
A rexedora porriñesa insta a formar “unha fronte común que acade protexer o futuro económico dos traballadores cos mecanismos que conta a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria”.
Eva García expresa na súa misiva “considero que un grupo institucional de alcaldes e alcaldesas teremos a fortaleza para chegar ao máis alto da administración autonómica”.
As cartas dirixíronse aos alcaldes e alcaldesas de Salvaterra, Ponteareas, Mos, Vigo, Salceda de Caselas, Tui, As Neves, Redondela, Tomiño, Mondariz, Fornelos de Montes, A Guarda, Moaña, O Rosal e Soutomaior. Xunto co Porriño, todos eles contan con traballadores afectados que son veciños dos seus respectivos concellos.
Actualmente “Maderas Iglesias” ten 148 traballadores en nómina. Hai nove anos, chegou a superar os 800 pero o estoupido da burbulla inmobiliaria afectoulle reducindo a fabricación de tarima flotante. Leva unha década en perdas e cunha imparable redución de traballadores con nove EREs consecutivos.


Na reunión que mantiveron o pasado luns 14, os representantes dos traballadores coa alcaldesa, expuxeron a súa inquedanza polo inminente anuncio da poxa do inmoble da fábrica como consecuencia dunha resolución do Xulgado nº 3 do Porriño, segundo sentenza do pasado mes de agosto. O inmoble está valorado en 28 millóns de euros por unha peritaxe xudicial pero os traballadores temen que sexa vendido por unha cantidade moi inferior e con miras ao negocio inmobiliario.