Un total de 100 denuncias por non facer uso das máscaras de protección formularon axentes da Policía Local do Porriño mediante un operativo de catro horas despregado onte á tarde, en todas as entradas e saídas por estrada do termo municipal.
No transcurso do operativo, realizado entre as catro e as oito da tarde, os axentes pararon e revisaron vehículos particulares, camións, furgonetas de reparto e ata autobuses de transporte de viaxeiros e de liñas regulares.
A falla máis habitual foi que varias persoas compartían vehículo sen facer uso das máscaras sen ser familiares ou conviventes.
Cada denuncia da lugar a unha sanción económica de 100 euros por persoa que tramitará a autoridade competente.
Durante as semanas anteriores, a Policia Local do Porriño estivo realizando unha labor “pedagóxica” avisando aos cidadáns da obrigatoriedade do uso das máscaras.
A Concellería de Seguridade que dirixe Lourdes Moure volve a instar á veciñanza a que “sexan conscientes da gravidade da situación e que o uso obrigatorio das máscaras de protección e observar as medidas de distancia, é polo ben de todos”, segundo manifestou a tenente de alcalde.