Esta mañá celebráronse once mesas de contratación doutras tantas licitacións convocadas polo Concello do Porriño por un importe aproximado de 3 millóns de euros. Entre elas a poxa de vehículos municipais en desuso, dos que se venderon media ducia.

 

Dous licitadores adquiriron eses vehículos. Un deles ofreceu un total de 7.500 € para mercar unhas furgonetas Citroen Berlingo, Peugeot Partner, Peugeot Expert, un turismo Citroen Xsara e un Kia Picanto que utilizaron diversos servizos municipais nos últimos 20 anos. O outro licitador, ofreceu 701 € por unha Fiat Ducato que mercou. Houbo máis ofertas nesta poxa que abrangue ata 26 vehículos en desuso, pero incorrían en baixa temeraria e serán valoradas polos técnicos municipais.

Entre os pregos con máis empresas interesadas figura o proxecto de humanización da rúa Aloques, cun orzamento de partida de 422.000 € ao que aspiran 9 construtoras, e a pavimentación de camiños municipais en Torneiros, Centeáns, Covelo e Cavadas que saen en tres lotes de adxudicacións aos que aspiran 6 construtoras. En ambos casos, son obras con cargo ao Plan Concellos 2020 e os plicas pasarán agora á valoración dos técnicos municipais.