O goberno municipal coaligado PSOE-BNG que preside Eva García levará ao pleno ordinario de xuño, a proposta dunha operación de crédito extraordinario por importe de algo máis de 2,5 millóns de euros para pagos a proveedores e facturas pendentes do exercicio de 2019.
É un dos oito asuntos da orde do día da sesión convocada para mañá martes 30, a partir das 18 horas. Será presencial só para os corporativos e polo tanto a porta pechada e sen público, a causa das actuais restricións pola “Covid-19”.
Na Comisión Municipal de Economía e Fazenda celebrada previamente, o asunto informouse cos votos favorables de PSOE, BNG e Manuel Carrera e coas abstencións de EU SON e Partido Popular. A coantía exacta da operación que se plantexa para a súa aprobación inicial é de 2.554.751,37 €.
No mesmo pleno, o goberno municipal leva á consideración da corporación, entre outros asuntos, a modificación da ordenanza de estacionamento en “Zona Azul” e a posible adhesión do Porriño ao Centro Provincial de Acollida de Animais (“CAAN”). dependente da Deputación.