Once penados con condeas que non implicaban cárcere cumpriron máis de 500 xornadas de traballo pola comunidade en diversas tarefas en servizos municipais do Porriño durante o segundo semestre do ano 2019.
O Concello de O Porriño colabora co Centro de Inserción Social “Carmen Avendaño” de Vigo en facilitar o cumprimento desas condeas mediante traballo en beneficio á comunidade (coñecido polas siglas TBC) a persoas penadas por delitos leves con condeas non privativas de libertade.
Desde xuño ata decembro de 2019, oito homes e tres mulleres realizaron esas cincocentas xornadas de traballo social en quendas de oito horas nas brigadas de limpeza, parques e xardíns do Concello. A meirande parte desas xornadas de traballo realizanse en días laboráis agás en catro casos que resolveron o tempo de condea traballando en fines de semana, segundo explicou Sergio Casal, concelleiro de Medio Ambiente.
Neste ano 2020 que vén de comezar, xa hai dous penados que iniciaron o cumprimento das súas condeas de traballo social (un, hoxe e outro o pasado día 4) e un terceiro empezará o vindeiro luns 13.
O Código Penal contempla os traballos en beneficio da comunidade (TBC) para aquelas persoas condeadas a menos de dous anos de cárcere e que non teñan antecedentes penais. A meirande parte deste tipo de penados procede de condeas por delitos de tráfico e contra a seguridade vial (por exceso de velocidade ou sobrepsar os límites de alcoholemias).