David Alonso ultima diversas novidades para as Festas do Cristo que acollerán concertos, actuacións musicais itinerantes polos barrios e un autobús descapotable cunha banda de música que irá tocando e animando por todas as parroquias do termo municipal.
O concelleiro informou que xa ten pechados dous concertos: o venres 20 co grupo “Dakidarría”, unha banda de ska punk fundada en Nigrán en 2003 e o sábado 21, co grupo canario “Efecto Pasillo” que entre outros cantan o coñecidísimo tema “Cuando me siento bien”.
Por outra banda para incrementar a animación nas prazas e rúas da cidade está a preparar unha serie de actuacións musicais itinerantes con grupos de folk, blues, jazz e charangas que tocarán polos barrios do casco urbán de Porriño. E para a animación nas parroquias, o concelleiro pechou a contratación da Banda de Música de Arcade que irá tocando a bordo dun autobús descapotable por todas as parroquias do termo municipal. Tanto a música itinerante como a banda en autobús serán o 29 de setembro, coincidido cos Callos e co Raly Mix “Concello do Porriño” que é outra das novidades deste ano xa comentada.
En canto as verbenas, o concelleiro quere recuperar que actúen en sitios emblemáticos da vila como a rúa Antonio Palacios e a Praza Central. Entre as orquestas xa contratadas figuran “La Fórmula”, “América” e “Charleston”.