O equipo de categoría autonómica do Balonmán Porriño feminino acadou hoxe domingo o seu ascenso a División de Honra Prata ó proclamarse campión do sector celebrado dende o venres na nosa cidade. As porriñesas impuxeronse ó Balonmán Zamora no partido decisivo celebrado a mediodía no Pavillón Municipal de Deportes de Porriño. Previamente o Balonmán Porriño derrotou ós outros dous equipos que xogaban o sector: KTM Balsebike e EMD Aceuchal.
Deste xeito na vindeira tempada o Balomán Porriño terá representación nas dúas máximas categorías do “handball” feminino xa que o primeiro equipo “Godoy Maceira Porriño” ocupa a décima praza na Liga Guerreras Iberdrola e tén garantizada a súa continuidade na elite.
Por outra banda, a directiva do Pontellas Club de Futbol que preside Marta Costas comezou cos preparativos para a celebración do histórico ascenso deste modesto á Terceira División. A directiva do Pontellas coa colaboración do Concello de Porriño quere levar a cabo unha homenaxe moi especial á plantilla e cadro técnico que dirixe José Curiel por ter acadado éste éxito deportivo para un club dunha parroquia de apenas 2.000 habitantes e cun orzamento modestísimo de 100.000 euros.
Para a celebración que se prepara aproveitarán que o vindeiro partido de Liga será no campo de San Campio onde o domingo 19 o Pontellas recibirá á USD O Grove.