A alcaldesa, que dende este martes exerce tamén a Concellería de Deportes, estivo na piscina municipal para comprobar o avance das obras de mantemento e arranxo que están realizándose na mesma.
As devanditas obras consisten, dunha banda, na reparación de paneis de policarbonato do teito, a substitución de 7 placas e a unión do ‘Pavillón 1’ e a piscina. Ademais, vaise substituír os traveseiros de metal que forman parte da separación entre a zona do ‘Pavillón número 2’ e a piscina.
Estes traballos, “que levan proxectados xa tres meses e que era completamente necesario realizar”, sinala Eva García de la Torre, contan cun orzamento de 24.000€, procedentes dun remanente da Concellería de Servizos Socias, que foran parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e que o organismo provincial autorizou a empregar no arranxo da piscina.
Substitución do climatizador
O vindeiro luns, día 11, empezará a tarefa de substitución do climatizador da piscina. “Hai dous anos unha inspección de Sanidade determinara que o seu funcionamento non era o axeitado”. Daquela, por mor dos orzamentos municipais prorrogados non fora posible levar a cabo o recambio.
Posteriormente, e aprobado o ‘procedemento de urxencia’ dende Intervención do Concello, licitouse o cambio do mesmo, “unha licitación que foi adxudicada hai un ano por 90.000€”, e que agora vai facer posible a substitución.
Este traballo, subliña a alcaldesa, vaise realizar seguindo unha planificación que “permitirá que as instalación sigan funcionando con total normalidade e sen que os usuarios sufran incomodidades ou vexan alterada súa actividade”.