O vindeiro venres, día 26, ás 7 da tarde, o Auditorio do Centro Cultural do Porriño será o escenario da proxección do documental ‘Santa Liberdade’ e do posterior coloquio coa súa directora, Margarita Ledo Andión.
O documental ten coma argumento o secuestro, o 22 de xaneiro de 1961, por un grupo de antifascistas galegos e portugueses auto-organizados no Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación ( DRIL), do transatlántico de bandeira portuguesa “Santa María”, que con centos de pasaxeiros dirixíase ao porto de Vigo.
Baixo as ordes de Humberto Delgado, Enrique Galvao, Xose Veo e Jorge Fernández de Soutomaior, portugueses os dous primeiros, galegos os seguinte, exiliados todos, das ditaduras franquista e salazarista en Venezuela e Brasil.
As 24 persoas que compoñían o grupo protagonizaron o primeiro secuestro político da Historia e o seu obxectivo era chamar a atención de todo o mundo sobre a situación política que atravesaban os estados español e portugués, mediante unha acción propagandística de gran dimensión.
O DRIL conseguiu facer deste asalto un acontecemento mediático: durante 13 días os telexornais e xornais de boa parte do mundo abriron as súas edicións coa noticia do secuestro. O barco conseguiu manterse durante tres días completos sen localizar, mentres que o goberno norteamericano, baixo a presidencia de Kennedy, asumiu a coordinación dunha ampla operación de procura e captura, o que serviu tamén como manobra de contención das peticións de afundir o barco feita polas ditaduras ibéricas, que cualificaban o suceso como mero acto de piratería.