O Concello do Porriño felicitou oficialmente a Ricardo Baz Pereira, recente subcampión de Europa de Jiu Jitsu, na especialidade NO-GI (sen kimono). O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, recibiu este mércores a Ricardo e transmitiulle “o recoñecemento e admiración de todas as porriñesas e porriñeses por este importantísimo logro”.
Ricardo Baz, veciño de Atios, fíxose con dúas medallas no Campionato de Europa de Jiu Jitsu disputado o 23 de marzo en Roma: unha de bronce na categoría absoluta e a de prata en Peso Medio.
Baz, que empezou na modalidade MMA, da que foi campión de Galicia, na actualidade compite e adestra con dous equipos, o GFTeam Vigo, na variante Jiu Jitsu con kimono e no Independiente Club de Lucha, co que é campión galego de Grappling.
Manuel Carrera asegurou que este “excelente resultado” no Campionato de Europa “vén a engrandecernos coma concello do Deporte que dende agora conta cun dos mellores especialistas desta modalidade deportiva en toda Europa que leva o nome do Porriño por todo o mundo ”.
A intención da Concellería de Deportes, sinalou Carrera, é a de facilitar toda axuda posible para que Ricardo Baz poida acudir aos vindeiros campionatos mundiais e de Europa, aos que desprazouse ata hoxe cos seus propios medios; “favorecer que poida dar clases no Porriño, enfocadas á defensa persoal, especialmente dirixida a mulleres”, e lograr unha achega económica para a compra dun tatami.