O Porriño é dende este venres a capital galega do mel, coa celebración da 30ª Feira de Apicultura das Rías Baixas, que este sábado viviu o seu día grande coa inauguración oficial da mesma, no Centro Cultural Municipal.
A apertura estivo presidida pola alcaldesa,Eva García de la Torre, o deputado provincial Carlos López Font, o concelleiro de Medio Ambiente, Marcelino Coto, e representantes da Agrupación Apícola de Galicia e a Agrupación de Apicultores de Pontevedra.
A feira, que abrangue xornadas técnicas e un mercado no que pode mercarse mel, material de apicultura e produtos artesáns, iniciara este venres con actividades nas que participaron alumnas e alumnos do CEIP de Atios, ademais de talleres sobre trampas para vespas velutinas e elaboración de xabrón con mel.
Dende as 10 da mañá deste sábado, arrancaron as xornadas técnicas nas que se debaten temas coma os métodos de recolección –a cargo do doutor Félix Adanero-; control da mortalidade e produción intensiva –por David Sousa Alonso, técnico apícola en Eco Abeja S.L.-boas prácticas na alimentación apícola –con Fina Gonell Galindo de Pajuelo Consultores Apícolas S.L.-ou un taller de nutrición e alimentación das abellas.