Este  xoves, día 21, entra en funcionamento no Porriño o novo sistema de transporte público baixo demanda, posto en marcha pola Xunta, logo da esixencia da maioría da Corporación, para que resolvese as graves dificultades de mobilidade xeradas ás veciñas e  veciños  coa implantación do novo Plan de Transportes de Galicia.

As persoas que precisen desprazarse poderán pedir o servizo chamando ao teléfono 988 68 78 00, que estará operativo de 8 da mañá a 8 da tarde todos os días laboráis.  Nunha única chamada poderá reservar varias prazas no autobús ou, mesmo, reservar varias viaxes para os seguintes 15 días.

A reserva debe facerse antes das 8 da tarde do día laborable anterior a aquel no que se vaia viaxar. Así, se o vindeiro mércores 27 de decembro quere coller o autobús para ir ao centro de saúde, deberá chamar antes das 8 da tarde do martes 26 de decembro. En cambio, se o martes 26 de decembro quere coller o autobús para ir facer compras, como o luns é festivo deberá chamar antes das 8 da tarde do venres 22 de decembro.

Para solicitar o servizo, cando chame, so deberá ter a man o número do seu DNI e saber cando quere viaxar e entre que paradas– poderá solicitar información da oferta dos servizos de transporte á empresa que o presta ou consultala na web www.bus.gal, na que tamén se publican os teléfonos e páxinas web das empresas-.

Ao final da chamada indicaráselle o número de confirmación da súa reserva, que deberá ter onde anotar.  Se ao chamar indica un correo electrónico, enviaráselle ao mesmo a confirmación da reserva co seu número e os seus datos, o que tamén lle facilitará a súa anulación, se fose o caso.

Si finalmente non vai viaxar deberá anular a reserva. Se non o fixese, outras persoas poderán quedar sen praza.

Só terá que chamar para reservar praza para autobuses que se presten baixo demanda. Tamén pode obter información dirixíndose á empresa de transporte que preste o servizo.

Ao subir ao autobús na súa parada deberá poder indicar ao condutor o nome da persoa que fixo a reserva e o código da reserva que se lle indicou.

Se ninguén fixo unha reserva para a súa parada o autobús non pasará por ela, polo que non poderá subir. Ademais, outras persoas poderán ter reservado noutras paradas as prazas das que dispoña o autobús, polo que aínda que non estean ocupadas pode que non queden prazas libres para a súa viaxe.

A partir da posta en funcionamento do novo sistema as reservas deberán facerse a través do teléfono 988 68 78 00, e xa non será posible facelas nos teléfonos das empresas.