O paro descendeu por terceiro mes consecutivo no Porriño e a finais do mes pasado había na vila 1.639 persoas desempregadas, un dato que non se daba dende hai preto de dez anos.
Dacordo cos datos publicados este luns polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e Xunta de Galicia,a taxa de desemprego situouse no Porriño no 17,7%, en total 5,3 puntos menos que cando o actual Goberno Local empezara o seu mandato, cando 2.139 porriñeses estaban na procura dun posto de traballo, 500 máis que na actualidade.
En relación co mes de novembro de 2016, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.836 a 1.639, o que supón que hai 197 traballadoras e traballadores máis no concello: en so un ano o paro caeu preto de 2,5 puntos.
A alcaldesa, Eva García de la Torre lembra que o paro medrou en Galicia en 1.277 persoas e en 7.255 no conxunto de España mentres que no Porriño descende, polo cal amósase convencida que “as medidas que estamos a impulsar dende a Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Girón, funcionan” e subliña entre elas o programa ‘Porriño Accede’, baseado en convenios asinados entre o Concello e empresas da vila, grazas ao cal hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou empezaron a traballar.
Tamén están a facilitar o descenso do paro os ‘Plans de Emprego’, posibles en base a un acordo coa Deputación de Pontevedra e do investimento de máis de 600.000€ de fondos municipais.
García de la Torre sinala, por último, como “fundamental” para crear emprego o feito de chegar a acordos con outras administracións, obtendo axudas e subvencións que tiveron coma destino accións que serviron para incrementar as probabilidades de empregabilidade das veciñas e veciños do Porriño, e pon coma exemplo o recen aprobado ‘Plan Integrado de Emprego para Mulleres’ (PIEM), que conta cun orzamento total de 255.000€, dos cales a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia achega 204.000€ e a Concellería de Emprego do Porriño, 51.000 para facilitar que as 85 mulleres que participarán no mesmo realicen formación e prácticas en distintas empresas o cal abrirá a posibilidade “real” de que poidan entrar, ou voltar, ao mercado laboral.