Tal e como se comprometera a alcaldesa, Eva García de la Torre, o pasado día 17, durante a xuntanza que mantivera no salón de Plenos do Concello con veciñas e veciños do Contrasto, xunto con técnicos da Xunta de Galicia, xa están instalados os depósitos de auga a aquelas familias que non teñen mais subministro de auga que o procedente dos seus pozos.
En total, o Concello colocou 14 depósitos, de 1.000 litros e un motor en 8 casas, para bombear a auga que se utilizará para a hixiene persoal e o lavado da louza e da roupa.
Os depósitos foron debidamente hixienizados, seguindo as instrucións de dous inspectores de Sanidade- que analizaron os mesmos e certificaron a súa adecuación para conter a auga-e xa están a ser empregados polas familias afectadas que, do mesmo xeito, seguen a recibir as garrafas de auga para cociñar e beber, que so teñen que pedir ao supermercado, sen custo algún para elas.
Estes depósitos son, coma salientou a alcaldesa, unha “solución provisoria” para atender as necesidades máis urxentes das persoas que carecen de conexión coa rede municipal de abastecemento e, por tanto, so dispoñen de auga do pozo. Nas vindeiras semanas está previsto contar cun proxecto que permita conectar estas vivendas coa rede municipal de abastecemento, de xeito que todas elas reciban, “no menor prazo de tempo”, a auga da traída.
A alcaldesa sinalara naquela xuntanza que a auga da traída podía usarse con garantía, logo de que as repetidas análise realizadas á mesma por técnicos da Consellería de Sanidade deran resultados negativos a contaminación por lindano.
Así mesmo, García de la Torre comprometérase a ter informados, ao instante, ás veciñas e veciños do Contrasto, algo que se fixo puntualmente logo de que onte, venres, ás 9 da noite, a Consellería de Sanidade comunicase ao Concello que había 6 pozos máis que deran positivo en contaminación por lindano.
Dende o Concello puxéronse en contacto cos seus donos para comunicarlles este feito e comprobouse que 4 destas familias non consumen a auga do pozo porque teñen conexión coa traída; a outra delas xa se lle dispuxeron os depósitos con auga para que teña garantido o subministro de emerxencia, e non foi posíbel contactar,aínda, cos donos da outra casa posto que non residen habitualmente na mesma. A Policía Local segue a facer as xestións para localizalos e comunicarlles os resultados das analíticas.