A concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, ven de iniciar traballos de asfaltado e de conexión á rede de saneamento no barrio da Costeira- Mosende, cun orzamento de 60.440€, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O concelleiro subliña que “na Costeira era necesario realizar un asfaltado urxente das vías e decidiuse dotar, previamente, ás casas da zona do servizo de saneamento”.
Cando finalicen as obras, nun prazo aproximado dun mes e medio, 15 familias poderán conectarse directamente aos colectores do Consorcio do Louro. Pola súa banda, indica Manuel Carrera, a mellora das estradas suporá a renovación de 2.000 metros cadrados de asfalto, ademais do pintado e sinalización vertical dos mesmos.
Hai que lembrar que so no último mes, o Goberno Local puxo en marcha, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o labor de conexión á rede de saneamento na Costeira-Mosende, Albarín-Atios e A Pereira-Contrasto, “que permitirán que un total de 75 vivendas estean unidas á rede municipal”.