Integrantes da ANPA do CPI da Ribeira, encabezados pola súa presidenta, Cristina Rodríguez, acompañados pola concelleira de Educación, Lourdes Moure, desprazáronse este martes a Santiago para estar presentes no Parlamento de Galicia na intervención do conselleiro de Cultura, Educación y Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, en relación co peche das aulas da ESO deste centro de Torneiros.

O conselleiro, maila aos argumentos expostos en contra do peche destas aulas– e das do CEIP Emilio Navasqüés, de Outes, CPI Tomás de Lemos, de Ribadavia, e do CPI Monte Caxado, de As Pontes, nos que a Consellería de Educación decidiu tamén prescindir do Ensino Secundario- reafirmouse na súa determinación, o cal foi acollido polos representantes destes centros cunha concentración diante do Parlamento con berros a prol do Ensino Público e en contra desta decisión que, a seu xuízo, “prexudica ás alumnas e alumnos e vai en contra do traballo educativo que se viña facendo nestes colexios”.

Para a concelleira Lourdes Moure, esta decisión, “como xa expresara por maioría o Pleno do Concello do Porriño e moitos porriñeses nunha manifestación convocada pola Asociación de Nais e Pais de Alumnos, é un golpe con so para a educación pública, gratuíta e de calidade, senón, e moi importante, para a integración”.

Moure lembrou que  o 35% dos estudantes do CPI da Ribeira son de etnia xitana, e que o centro contribuíu ao longo dos anos  “á integración do colectivo na vida e actividades do concello, á eliminación do absentismo escolar” ou a participación do alumnado, tanto nenas como nenos, nas actividades extra escolares, “que pasou do 3% en 2009 ao 80% este mesmo ano”.

A concelleira alertou de que o peche do curso da ESO do CPI Ribeira “suporá un retroceso no camiño que permitiu que as rapazas e rapaces de etnia xitana non so rematen Secundaria senón que segan cos seus estudos de Bacharelato”.