O alcalde accidental do Porriño, e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, xunto coa concelleira de Educación e Xuventude, Lourdes Moure, recibiu este venres oficialmente no Concello, aos integrantes do Club Ximnasia Porriño, que este ano clasificouse por primeira vez para o Campionato de España, e que ten entre os seus integrantes a Hernán Sío, de 9 anos, campión de España de Aro, subcampión con mans libres e medalla de bronce xeral na categoría alevín.
Manuel Carrera felicitou aos ximnastas pola súa “entrega, ilusión e capacidade” que, subliñou son os piares nos que se basea o “excelente” resultado que acadaron no pasado Campionato de España, e nas anteriores competicións nas que participaron.
Carrera, ex ciclista profesional, subliñou a “grande dificultade e o enorme mérito” que ten chegar a este nivel e, logo de amosar o “orgullo que sentimos todas as porriñesas e porriñeses”, agradeceu que estes deportistas foran quen de levar o nome do Porriño ao máis alto.
Nas súas palabras, o alcalde accidental quixo ter un recoñecemento especial ao labor das adestradoras, “elas son as que os ensinan e as que saben cómo facer que sexades quen de dar o mellor de vos”, comentou ao tempo que pediu un aplauso para a súa adicación e a súa aportación constante e desinteresada.
De seguido, e logo de recibir un galano de mans dos concelleiros, os integrantes do Club Ximnasia Porriño coñeceron o Concello por dentro, dende o Salón de Plenos ate o despacho da alcaldesa e o famoso balcón que da á Praza do Arquitecto Antonio Palacios.