A Biblioteca Municipal do Porriño informa de que está aberto o prazo de inscrición para o ‘Obradoiro de escritura creativa’, que impartido pola recoñecida escritora Clara do Roxo, os días 7,8,14 e 15 de xuño, de 6 a 8 da tarde, e que está dirixido a poboación adulta.
Trátase dun obradoiro intensivo centrado no desenvolvemento da creatividade, a experimentación literaria e o pracer de escribir, que ten coma obxectivo darlle un pulo a posibles escritores e escritoras.
As prazas son limitadas e reducidas -máximo 15 persoas- e, coma o resto dos obradoiros que realiza a Biblioteca Municipal, é necesaria a inscrición previa na biblioteca ou chamando ao teléfono 986337624, así como ter a condición de persoa socia da mesma. Trátase dunha actividade gratuíta e as prazas cóbrense por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño. As persoas que non sexan do Porriño entrarán nunha lista de agarda.
Este obradoiro está enmarcado no ciclo de actividades formativas da Biblioteca Municipal do Porriño durante o 2017, con un programa que quere amosar a biblioteca coma un espazo de aprendizaxe e de inserción social.
Coa evolución das TIC, e moi especialmente de internet, as necesidades da cidadanía e da forma na que accedemos á información cambiaron. A web está transformando o papel das bibliotecas tradicionais. Deste xeito, faise necesario reorientar os servizos das bibliotecas públicas, pasando de entendelas só como centros culturais a tratalas tamén como centros sociais.
Neste contexto organízase esta programación en tres vertentes: biblioteca animadora e conservadora dos saberes tradicionais; biblioteca promotora e formadora de novos saberes; biblioteca integradora e difusora de ideas, co fin de que a Biblioteca Municipal se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social, e co obxectivo de acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.