- Arredor de 350 bailarinas e bailaríns participarán na XXV edición que puntúa de cara ao ranking nacional da Federación Española de Baile Deportivo
O Porriño, 10 de abril de 2026. O pavillón municipal de O Porriño converterase esta fin de semana no epicentro do baile deportivo de Galicia coa celebración do XXV Trofeo Concello do Porriño de Baile Deportivo e do Campionato Galego Xunta de Galicia Standard, dous eventos que reunirán numerosos deportistas e público arredor desta disciplina.
O evento comezará o sábado día 11 ás 15:00 horas, nunha xornada que se prolongará ata as 21:00 horas e na que participarán arredor de 350 bailaríns e bailarinas. Durante a tarde desenvolveranse distintas modalidades de baile deportivo, incluíndo Standard, Latinos, Bailes Caribeños, Danza Coreográfica e Single.
O público poderá gozar da elegancia e técnica dos bailes Standard —Vals Lento, Tango, Vals Vienés, Slow Fox e Quickstep—, así como do ritmo e a expresividade dos Latinos — Samba, Cha-cha-cha, Rumba, Pasodoble e Jive—. Ademais, o programa complétase con propostas de Danza Coreográfica, con formacións grupais, e Bailes Caribeños como Salsa e Bachata, incluíndo tamén exhibicións de Caribbean Show Dance.
A competición será puntuable para o ranking nacional da Federación Española de Baile Deportivo (FEBD), e contará con diferentes categorías segundo nivel e idade: Xuvenil (menores de 12 anos), Junior (de 12 a 15 anos), Youth (de 16 a 18 anos), Adulto (maiores de 18 anos) e Senior (maiores de 35 anos).
O evento continuará o domingo, entre ás 10:00h e ás 20:30h, coa celebración do Campionato Galego Standard, que reunirá a máis de 400 bailaríns e bailarinas nas distintas modalidades.
A organización prevé unha notable asistencia de público, con máis de 300 persoas o sábado e máis de 500 o domingo, consolidando así esta cita como unha das máis destacadas do calendario galego de baile deportivo.
Os menores de 12 anos poderán acceder de balde, mentres que o prezo para o resto do público será de 9 euros por de balde, mentres que o prezo para o resto do público será de 9 euros por día.

