• O proxecto contempla a renovación e mellora dunha área de uso público, mediante a implantación dun conxunto de elementos que combinan o xogo infantil, o uso recreativo da auga o espazo de lecer, configurando un entorno atractivo, inclusivo e adaptado a diferentes rangos de idade.
  • O granito do Porriño en bancadas e xardineiras complementa un novo espazo verde dando identidade e e harmonía cromática ao conxunto

O Porriño, 8 de abril de 2026. O Concello do Porriño está a piques de sacar a licitación un novo parque infantil na Fase II de Torneiros. Un proxecto que transformará completamente este espazo, a súa renovación e mellora, coa a implantación dun conxunto de elementos que combinan o xogo infantil, o uso recreativo da auga e o espazo de lecer, configurando un lugar atractivo, inclusivo e adaptado a diferentes rangos de idade.

Así, proxéctase a creación dunha nova zona de xogo infantil de 11 m por 16,5 m de dimensións . Trátase de un espazo con pavimento de céspede artificial que contará cunha zona de multixogo que será o elemento principal da área infantil, permitindo o uso simultáneo por varios nenos/nenas e fomentando o desenvolvemento psicomotor e a interacción social. Nesta área haberá tamén outros elementos como balancíns ou unha mesa con bancos e taboleiros de xogo.

ESTANQUE ORNAMENTAL ACCESIBLE

Neste mesmo espazo proxéctase a execución dun estanque ornamental de xeometría orgánica, cunha superficie aproximada de 38 m² e unha profundidade máxima de 20 cm, concibido como lámina de auga accesible, que incluirá instalación hidráulica completa e iluminación subacuática LED, o que o converte nun atractivo a calquera hora.

En parte do perímetro do estanque proxéctase un largo banco corrido en granito do Porriño un lugar para descansar, para vixiar á cativada ou simplemente para contemplar o entorno.

O granito do Porriño en bancadas e xardineiras complementa un novo espazo verde dando identidade e e harmonía cromática ao conxunto

XARDINERÍA

O proxecto que sae a licitación contempla tamén a renovación de parte da xardineira existente, executándose xardineiras de granito.

En todo o contorno do parque renovarase a xardinería con especies arbustivas e tapizantes adaptadas ao clima atlántico, mediante unha composición de baixo mantemento formada por arbusto estrutural e especies tapizantes para xerar un espazo verde, confortable e harmonioso, integrado co entorno.

“Este proxecto é o inicio das grandes obras que imos a acometer nos cinco polígonos resicenciais de torneiros” asegura o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, apuntando que “a combinación de novas áreas de xogo co estanque ornamental e a posta en valor do noso granito amosa que O Porriño segue medrando con calidade. Queremos espazos públicos que sexan atractivos, inclusivos e que se convertan no orgullo da nosa veciñanza. Porque seguimos traballando nun Porriño máis amable e accesible”

REHABILITACION INTEGRAL

As actuacións contempladas nesta Fase II do Parque de Torneiros inscríbense no marco do Programa de axuda á rehabilitación a nivel de barrio (ERRP) do Concello do Porriño, contando con financiamento da Unión Europea

No caso concreto desta nova zona de lecer, o orzamento ascende a 70.234,82 €.