A Concellería de Medio Ambiente coloca 200 trampas en todas as parroquias do Porriño para loitar contra a Vespa velutina
A Concellería de Medio Ambiente segue adiante coa “loita activa” contra a Vespa Velutina, “realizando unha campaña moi polo miúdo que ten coma obxectivo o trampeo das raíñas e un seguimento constante do número delas atrapadas”, indica o concelleiro Marcelino Coto.
Precisamente este mércores, especialistas de Adoa, a empresa contratada polo Concello para que colocase as 200 trampas que están situadas en todas as parroquias do Porriño, procedían a renovar as mesmas, “un proceso que se fai cada 15 días”.
Coto subliña que estes ‘cepos’ están dotados cun atraínte de nova xeración “específico para insectos desta especie e que ten coma principal obxectivo captura das raíñas fundadoras dos niños xusto neste intre, coincidindo co inicio da primavera,no que é máis prolífica”.
O concelleiro amósase especialmente agradecido á Asociación de Apicultores que, coincidindo coa celebración da Feira Apícola das Rías Baixas no Porriño, felicitou á Concellería de Medio Ambiente polo seu esforzo na loita contra esta especie invasora e puxo á mesma coma un exemplo.
“Este traballo -sinala Marceino Coto- responde a unha sensibilidade histórica deste concello co mundo apícola, que ten coma exemplo a Feira que se organiza na vila dende hai preto de 30 anos, e co interese de dar unha resposta rápida e organizada a un problema que afecta a todas as veciñas e veciños do Porriño”.
Coto adianta que o Concello seguirá asumindo o custo da loita contra a Vespa velutina e que ao final da campaña se analizarán os resultados para medir a súa efectividade e decidir que outras medidas haberá que poñer en marcha.