O Porriño, 1 de abril de 2026. O Concello do Porriño continúa a súa aposta pola cultura e a igualdade cunha intensa programación para este mes de abril. Entre as citas máis destacadas atópase a representación de “Crisálidas”, a nova proposta de Atrezo Teatro, que se enmarca tanto na axenda cultural mensual como nos actos conmemorativos do 8M (Día Internacional da Muller) e que ten a súa estrea absoluta no Concello. Pero ademáis este mes chega con moda, programación infantil e xornadas ademais de outras sorpresas.

Teatro con mensaxe: “Crisálidas”

A obra terá lugar o vindeiro venres 10 de abril ás 20:30 h no Salón de Plenos do Concello. Baixo a produción de Atrezo Teatro, “Crisálidas” preséntase como un conxunto de historias que convidan á reflexión profunda, con títulos como Voces no silencio, Camila e a súa conciencia, Uff… unha experiencia relixiosa e O abrigo de pel de martas. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade do recinto.

Un mes cheo de actividades

Ademais do teatro, abril ofrece unha gran variedade de eventos que van desde o lecer para os máis maiores, arte na rúa coa exposición rostros, a II Mostra da Camelia, a

XXXVIII Feira Apícola das Rías Baixas ou, este mes, a alianza entre o concello, co comercio local e a moda, como é a Porriño Fashion Weekend.

Segue tamén a programación en igualdade coas conferencias, con Belén Rubido de la Torre, falando de “Mulleres novas, violencia dixital e deepfakes” o 23 de abril, ou o Curso de defensa persoal feminina e aspectos xurídicos, organizado en colaboración co Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Para os máis pequenos A Biblioteca Municipal organiza os xoves o obradoiro “Libros que latexan” e o contacontos “Contos que curan” que continúan tamén neste mes de abril.

Toda a informacion da axenda do Porriño está actualizada en https://ecultura.net/