• Ao campamento de Semana Santa súmase o obradoiro de programación e tecnoloxía

24 de marzo de 2026, O Porriño. O Concello do Porriño prepara unha Semana Santa de conciliación familiar e de actividades para a cativada a través de diferentes propostas, como o campamento que se desenvolverá no colexio José Fernández López ou un novo obradoiro de programación e tecnoloxía que se impartirá na aula CeMIT do Multiusos de Torneiros.

No caso deste obradoiro, terá lugar os días 30 e 31 de marzo (luns e martes de Semana Santa) e 1 e 6 de abril (mércores de Semana Santa e luns de Pascoa), e está dirixido a nenos e nenas de 4 a 12 anos. Son obradoiros de balde que se desenvolverán en colaboración coa rede CeMIT (Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica). A programación é unha mostra da colaboración das concellarías de Formación, Política Social e Educación.

“A nosa aposta son actividades que axuden á conciliación e que, ao mesmo tempo, permitan que os máis pequenos e pequenas desfruten dun tempo de ocio educativo, compartindo experiencias e aprendizaxes nunha contorna segura”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo. Explicou, no caso concreto dos obradoiros, que conseguen “que os máis pequenos aprendan xogando e tamén que nais e pais poidan conciliar”. Pola súa parte, a concelleira de Formación, Teresa Veloso, destacou a importancia deste achegamento ás novas tecnoloxías de forma controlada na infancia. As inscricións poden facerse a través do correo electrónico cemit.oporrino@xunta.gal.

Os campamentos

Celebraranse no CEIP Xosé Fernández López en horario de 8:30 a 14:30 horas, os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril. A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, ambos inclusive, tendo prioridade aqueles que estean empadroados no Porriño.

A través desta proposta, o goberno municipal ofrece ás familias un espazo seguro, educativo e lúdico no que a cativada poderá compartir tempo cos seus iguais e participar en diferentes dinámicas durante as súas vacacións escolares, mentres as súas nais, pais ou titores cumpren coas súas responsabilidades. A listaxe provisional de admitidos está dispoñible premendo na seguinte ligazón:

LISTADO PROVISIONAL CAMPAMENTO SEMANA SANTA 2026

Aula CEMIT

A Aula CeMIT, integrada na rede da Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é un espazo público de referencia para o impulso das competencias dixitais no municipio, facilitando o acceso á tecnoloxía e promovendo a inclusión dixital.

Ademais destes obradoiros específicos para a mocidade, a aula ofrece cursos básicos de alfabetización dixital, formación específica en ferramentas ofimáticas como Word, Excel ou Access, así como accións formativas vinculadas ao emprego e ás novas tendencias tecnolóxicas. Entre elas inclúense propostas orientadas á creación de videoxogos, iniciación á robótica ou coñecementos prácticos sobre o uso de teléfonos móbiles e tablets.

Ademais da formación regrada, a veciñanza poderá facer uso dos equipos informáticos da aula co acompañamento dun técnico especializado, que prestará apoio personalizado para resolver dúbidas, realizar trámites electrónicos ou mellorar as habilidades dixitais.

Horario

O horario de funcionamento é de luns a venres de 9:00 a 13:00 horas, ampliándose tamén aos xoves pola tarde de 15:00 a 19:00 horas, co obxectivo de facilitar o acceso ao maior número posible de persoas usuarias.