- A obra, galardoada co XXI Premio LID de Biografía Empresarial, reconstrúe a traxectoria dun empresario discreto pero decisivo, cuxa pegada segue presente décadas despois.
Porriño 13 de marzo de 2026.- A sala de Comunicacións do Concello do Porriño acolleu este venres a presentación do libro “José Fernández López. Un empresario sin miedo al riesgo”, da xornalista Marisa Gallero, unha biografía que recupera a traxectoria dun dos empresarios galegos máis influentes do século XX.
No acto participaron a propia autora; José María Fernández Sousa-Faro, fillo do biografiado; e o xornalista Bieito Rubido, director de El Debate. Ao encontro asistiron tamén representantes de empresas vinculadas á traxectoria empresarial de Fernández López, así como veciños e persoas interesadas na historia económica e empresarial de Galicia.
A obra percorre a vida dun empresario que destacou pola súa capacidade emprendedora e pola súa aposta pola innovación e polo desenvolvemento industrial. Fernández López estivo detrás de iniciativas que marcaron a evolución da industria española, participando na creación e impulso de compañías como Zeltia, Transfesa ou Pescanova, entre outras.
A obra, galardoada co XXI Premio LID de Biografía Empresarial, reconstrúe a traxectoria dun empresario discreto pero decisivo, cuxa pegada segue presente décadas despois.
Durante o acto, Bieito Rubido mantivo unha conversa coa autora na que repasaron os principais episodios da vida e da carreira empresarial de Fernández López, así como o contexto histórico no que desenvolveu os seus proxectos.
A clausura correu a cargo do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quen destacou o papel do empresario no desenvolvemento industrial de Galicia e a súa ligazón coa vila.
“José Fernández López foi un exemplo de visión empresarial e de capacidade para asumir riscos. A súa traxectoria demostra que desde Galicia tamén se poden impulsar proxectos que transforman a economía”, sinalou.
O rexedor puxo en valor a importancia de lembrar figuras que contribuíron ao progreso económico e social e destacou que obras como esta permiten achegar ao público a historia de empresarios que deixaron unha fonda pegada no desenvolvemento industrial da nosa comunidade.

