• A actuación, cun investimento de 2,7 millóns de euros cofinanciado ao abeiro do Plan Extra e fondos europeos, permitirá transformar de maneira integral a parroquia
  • Os traballos iniciaranse neste primeiro semestre deste ano

O Porriño, 9 de febreiro de 2026.- O Pleno do Concello do Porriño vén de aprobar en sesión extraordinaria a licitación da obra de rexeneración urbana do núcleo de Torneiros nun acordo que permite avanzar de maneira decisiva na execución dun proxecto estratéxico para esta parroquia, xa anunciado hai meses á veciñanza e aos medios de comunicación.

O asunto foi tratado como punto único da parte resolutiva da sesión e incluíu a aprobación do proxecto, do gasto, dos pregos de cláusulas administrativas particulares e do expediente de contratación, que se tramitará mediante procedemento aberto. Con este acordo, o Concello dá un paso clave para facer realidade unha actuación moi demandada pola veciñanza de Torneiros.

A actuación contará cun investimento total de 2.749.500 euros e estará cofinanciada pola Deputación de Pontevedra, a través do Plan Provincia Extraordinaria, e polos fondos europeos FEDER. Trátase dun dos proxectos de rexeneración urbana máis ambiciosos impulsados polo Concello do Porriño nos últimos anos, cun impacto directo na calidade de vida da veciñanza e na cohesión territorial do municipio.

Unha intervención integral: máis accesibilidade, servizos modernizados e espazos públicos de calidade

O proxecto de rexeneración urbana do núcleo de Torneiros contempla unha actuación integral sobre o espazo público e as infraestruturas existentes, coa finalidade de mellorar de maneira sostida as condicións urbanas, sociais e ambientais da parroquia.

Entre as actuacións previstas inclúese a renovación completa das redes de abastecemento de auga potable, a modernización do saneamento e a mellora do sistema de drenaxe pluvial, co obxectivo de garantir un funcionamento máis eficiente dos servizos básicos e previr problemas derivados das choivas intensas.

No ámbito da mobilidade e da accesibilidade, o proxecto aposta pola redistribución do espazo viario, favorecendo a mobilidade peonil fronte ao tráfico rodado. Prevese a ampliación das zonas peonís, a mellora e ampliación das beirarrúas, a eliminación de barreiras arquitectónicas, a adaptación dos itinerarios a criterios de accesibilidade universal e a creación de percorridos máis seguros, especialmente nos contornos de equipamentos de alta afluencia como os centros educativos, o multiusos de Torneiros e o centro cultural Alba.

A intervención inclúe tamén a renovación integral do alumeado público, que será substituído por luminarias LED de alta eficiencia enerxética, permitindo reducir o consumo eléctrico, mellorar a iluminación dos espazos públicos e diminuír as emisións de CO₂.

Así mesmo, incorporarase novo mobiliario urbano, mellorarase a calidade paisaxística do espazo público mediante a introdución de vexetación e zonas verdes, e crearase un entorno máis amable, seguro e sostible, pensado para o uso e desfrute da veciñanza.

O proxecto complétase coa creación dun parque acuático no Parque Alba, concibido como un novo espazo de lecer familiar e deportivo que reforzará a oferta de equipamentos públicos, fomentará a convivencia interxeracional e contribuirá á integración social da parroquia.

Alejandro Lorenzo: “Un proxecto que fará realidade a transformación de Torneiros e beneficiará a todo O Porriño”

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou: “Hoxe facémolo coa zona residencial de Torneiros, pero o obxectivo é que cada unha das parroquias do Porriño conte cun investimento importante que permita mellorar os seus servizos e a súa calidade de vida. Durante moitos anos, as parroquias non recibiron a atención que merecían, e a Axenda Urbana é a ferramenta coa que queremos garantir que todo o Porriño, sen excepción, se vexa beneficiado. Ademais, o feito de que falemos xa de licitación significa que este proxecto, ao longo do primeiro semestre do ano, comezará a ser unha realidade coa posta en marcha dos traballos. Queremos que o concello avance de maneira equilibrada, parroquia a parroquia, con planificación e pensando a medio e longo prazo. Esta actuación é un exemplo claro do modelo de desenvolvemento que defendemos: máis accesible, máis humano, máis seguro e máis sostible”.