O Porriño, 8 de febreiro de 2026.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu esta semana na Casa Consistorial ás deportistas Sabela Gándara Iglesias e Ainara Gándara Iglesias, proclamadas recentemente campioas galegas de Marcha en Ruta nas súas respectivas categorías durante o Campionato Galego celebrado en Marín.
Sabela Gándara Iglesias (10 anos) acadou o título galego na categoría SUB12, nunha proba de 2 quilómetros, mentres que a súa irmá Ainara (8 anos) fixo o propio na categoría SUB10, completando un percorrido de 1 quilómetro. Ambas forman parte do Club Atletismo Porriño, que aposta fortemente pola formación da canteira e polo desenvolvemento das modalidades técnicas do atletismo, como a marcha.
Segundo palabras de Miguel Novo Regueira, presidente do Club Atletismo Porriño: “Na nosa entidade estamos a traballar con especial atención na modalidade de marcha, porque é unha disciplina técnica e de gran valor formativo. A prioridade do club é a formación da nosa base, da nosa canteira, e estas novas xeracións, como Sabela e Ainara, son un exemplo do compromiso e do esforzo que queremos impulsar.”
Durante o acto, o alcalde quixo felicitar persoalmente ás deportistas polos excelentes resultados acadados, así como recoñecer o esforzo realizado polas súas familias e polo equipo técnico que as acompaña no seu proceso de formación. “O éxito de Sabela e Ainara é un orgullo para O Porriño e un exemplo do enorme potencial deportivo que temos no noso concello. Son dúas rapazas con moito talento, pero tamén con moita constancia e disciplina, valores fundamentais no deporte e na vida”, sinalou Alejandro Lorenzo.
O rexedor destacou tamén a importancia do apoio institucional ao deporte base: “Desde o Concello seguiremos apostando polo deporte e polo acompañamento ás nosas promesas deportivas, porque investir no deporte base é investir en saúde, educación e futuro”.
Desde o Concello do Porriño quérese poñer en valor o traballo que se está a realizar no Club Atletismo Porriño, así como a dedicación e a ilusión de novas xeracións de deportistas que levan o nome do municipio aos máis altos niveis da competición autonómica.

