- O Concello do Porriño e a Deputación de Pontevedra suman esforzos para impulsar o maior apoio económico da historia ás comunidades de augas do municipio, clave para garantir o abastecemento e o saneamento no rural
O Porriño, 7 de febreiro de 2026.- A auga é un dos bens máis prezados e garantir o seu acceso en condicións de calidade e seguridade é unha prioridade para o Concello do Porriño. Nesa liña, o municipio vén de impulsar, xunto coa Deputación de Pontevedra, unha aposta sen precedentes polo apoio ás comunidades de augas, cun investimento conxunto que acada os 284.509,76 euros, o maior realizado ata o de agora neste ámbito.
Este compromiso institucional quedou reflectido na visita realizada ás instalacións da Comunidade de Usuarios de Casal-Chan-Orbenlle, en Budiño, na que participaron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e outros representantes do Concello do Porriño xunto co deputado provincial Javier Tourís. Durante a visita puideron comprobar de primeira man os traballos que se están a desenvolver gracias ao financiamento provincial, como a substitución e mellora da rede de abastecemento no lugar da Chan.
A Deputación de Pontevedra apoia 11 comunidades de augas do Porriño a través do plan +Aqua, cunha achega de 109.509,76 euros. Estas axudas permiten levar a cabo actuacións fundamentais como a mellora de infraestruturas, o cambio de tubaxes, a instalación de sistemas de control e protección en depósitos, interconexións entre redes de distribución, colocación de contadores, impermeabilización de depósitos ou a substitución de tramos da rede.
A esta achega súmase o esforzo histórico do Concello do Porriño, que destina arredor de 175.000 euros en subvencións directas a 22 comunidades de augas do municipio. Trátase do maior investimento municipal realizado ata o momento neste eido e dun respaldo sen precedentes ao labor destas entidades, fundamentais para o día a día das parroquias.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou: “As comunidades de augas son fundamentais para garantir o acceso á auga e ao saneamento en moitas zonas do noso municipio. Queremos recoñecer o enorme traballo que realizan as persoas que forman parte destas comunidades, sen cuxa dedicación todo isto non sería posible.”
Engadiu tamén: “O apoio económico das administracións, tanto do Concello como da Deputación, é decisivo para que estas actuacións sexan posibles. Gracias ao plan +Aqua e ás subvencións municipais, máis de 30 comunidades de usuarios recibirán axudas que permitirán mellorar infraestruturas, modernizar redes e garantir que todas as parroquias teñan acceso a un servizo esencial como é a auga.”
Desde o Concello do Porriño sublíñase que apoiar ás comunidades de augas é apostar polo rural, polos servizos públicos de calidade e polo futuro do municipio, reforzando unha xestión próxima, eficiente e sostible dun recurso esencial como é a auga.

