- A que é posiblemente a carreira máis rápida de Galicia permitirá a participación de ata 1.500 corredores de tódalas idades
- Os participantes terán ata o día 16 de marzo para realizar a inscrición
O Porriño, 22 de xaneiro de 2026. – Esta cita icónica do atletismo galego que ten lugar no Porriño abre o seu prazo de inscrición. A XVII edición da Carreira O Porriño 10K, que terá lugar o domingo 22 de marzo de 2026, xa comeza a rexistrar aos seus primeiros corredores, que terán ata o día 16 de marzo para confirmar a súa participación nesta proba.
O proceso de inscrición realízase exclusivamente a través da plataforma electrónica oficial. A organización establece diferentes tramos para anotarse, cun prezo inicial de 10 euros ata o 22 de febreiro, que se incrementará progresivamente ata o peche definitivo o 16 de marzo de 2026 ou ata acadar o límite máximo de 1.500 participantes, garantindo así unha proba segura e de calidade. A inscrición inclúe dorsal con chip, camiseta conmemorativa, avituallamentos, servizo médico, bolsa do corredor e acceso á zona de recuperación post-meta, entre outros servizos. Para inscribirse, accede á seguinte ligazón:
https://ccnorte.com/evento/inscribirme/id/3178/xvii-carrera-o-porrino-10k#.
Como cada ano, a carreira disputarase no centro urbano do municipio nun circuíto homologado pola RFEA, de 5 quilómetros, no que se celebrarán de forma conxunta a carreira OP10K (10.000 metros) e a OP5K (5.000 metros), convertendo as rúas da vila nun auténtico escenario deportivo aberto tanto a atletas de elite como a corredores afeccionados.
A OP10K é unha proba oficial da Federación Galega de Atletismo e está aberta a todas as persoas, federadas ou non. Ademais, a xornada volverá ter un marcado carácter familiar coa celebración das carreiras para as categorías base: desde chupetes, para nenos e nenas nacidos de 2020 en adiante; pitufos, para nacidos entre 2017 e 2019; e a as categorías benxamín (sub10), alevín (sub12) e infantil (sub14). Isto permite que os máis novos tamén poidan gozar dunha mañá deportiva nas rúas do Porriño. Podes ler o regulamento completo na seguinte ligazón:
https://ccnorte.com/uploads/eventos/reglamento-6944ff9960bba4.42688806.pdf
A saída da carreira de 5K e 10K terá lugar de forma simultánea mediante un sistema de caixóns, permitindo unha saída ordenada segundo os tempos estimados de cada participante. O tempo máximo para completar a proba será de 1 hora e 30 minutos.
No apartado competitivo, a OP10K manterá unha atractiva bolsa de premios en metálico. Os tres primeiros clasificados e clasificadas da xeral masculina e feminina recibirán premios de 500, 350 e 200 euros, respectivamente. Ademais, establécese un premio especial de 500 euros para o atleta masculino e/ou feminino que consiga bater o récord da proba, actualmente en posesión de Serbessa Workneh Fijire, con 29:09 (2025), e Ester Navarrete Santana, con 33:18 (2024).
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a OP10K é xa unha das grandes citas deportivas do calendario galego e unha auténtica festa do atletismo e do deporte, que cada ano reúne no Porriño a milleiros de persoas entre participantes e público”. O rexedor subliñou tamén “o enorme traballo do Club Atletismo Porriño e de todo o voluntariado, que fan posible que esta carreira siga medrando edición tras edición e situando o nome do Porriño como referencia do atletismo de ruta”.
Por outra banda, o presidente do Club de Atletismo Porriño, Miguel Novo Regueira, afirmou que “É un circuíto rápido en 10.000 m homologados, de maneira que pode ser un bo test ao principio da temporada. Ter unha marca homologada nunha carreira 10K facilita medir mellor as túas capacidades de cara ao resto de competicións do calendario”.
Desde o Concello e a organización anímase á veciñanza e aos amantes do running a participar nunha proba consolidada, rápida e atractiva, pensada tanto para competir como para desfrutar do deporte nun ambiente único, convertendo novamente ao Porriño nun punto de encontro para o atletismo galego e estatal.

