• Dúas comunidades de augas do municipio, Atios e San Xurxo de Mosende, reciben 30.000 euros para mellorar as súas infraestruturas de abastecemento

O Porriño, 16 de xaneiro de 2026.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañou esta mañá á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, nunha visita institucional ao municipio no marco das axudas autonómicas destinadas ás comunidades de augas veciñais, na que tamén estiveron presentes a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o concelleiro de Xestión de Comunidades de Augas e Montes, Marcos Martínez.

A visita desenvolveuse na Comunidade de Usuarios de Atios, unha das traídas do Porriño beneficiarias destas subvencións, onde representantes da Xunta, do Concello e das comunidades de usuarios coñeceron sobre o terreo as actuacións realizadas e previstas, orientadas á mellora das infraestruturas de abastecemento e á optimización do servizo.

Estas actuacións forman parte das liñas de axuda impulsadas pola Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, dirixidas a apoiar ás comunidades de usuarios na execución de melloras en captación, bombeo, almacenamento, control e eficiencia enerxética das traídas veciñais.

Durante o encontro, a conselleira explicou aos representantes das comunidades o alcance destas axudas e o destino dos fondos concedidos, destacando a importancia de seguir avanzando na mellora da xestión do ciclo da auga, especialmente no ámbito rural.

O alcalde Alejandro Lorenzo sinalou que “este tipo de investimentos permiten ás comunidades de augas acometer actuacións necesarias para manter e modernizar unhas infraestruturas que prestan un servizo básico á veciñanza do Porriño”. Ademais, destacou “a importancia da coordinación entre a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello, que hoxe en día xa se está a cumprir, reforzando o apoio ás comunidades de augas, que desempeñan unha labor esencial na xestión dun recurso básico”. Neste senso, o rexedor subliñou que “as tres administracións estamos levando a cabo axudas anuais co obxectivo de garantir o bo funcionamento e a mellora continua destas infraestruturas”.

Pola súa banda, a conselleira Ángeles Vázquez quixo destacar que ao longo deste primeiro semestre a Xunta porá en marcha novas liñas de axudas nesta materia por un importe de 9,3 millóns de euros, subliñando que “vivimos nun paraíso, pero que ese paraíso ten que traducirse tamén nunha calidade excelente das nosas augas”. Neste senso, puxo en valor o traballo da Comunidade de Usuarios de Atios polo bo aproveitamento destas axudas, que permiten mellorar o control sanitario da auga, avanzar no aforro enerxético mediante paneis solares e apostar pola dixitalización dos sistemas, facilitando a detección inmediata de incidencias e unha xestión máis eficiente do abastecemento.

Comunidades de augas do Porriño beneficiarias das axudas

A Comunidade de Usuarios de Atios recibiu unha axuda de 15.000 euros destinada á mellora das súas instalacións mediante a instalación de sistemas de protección no equipo de bombeo e no telecontrol, a incorporación dun panel solar e dunha válvula de control de enchido, a instalación de contadores no depósito de bombeo e a execución do conexionado eléctrico entre o cadro de control e o depósito, co obxectivo de mellorar a eficiencia e a seguridade do sistema de abastecemento.

Pola súa banda, a Comunidade de Augas San Xurxo de Mosende – Porriño contou tamén cunha axuda de 15.000 euros que permitirá realizar actuacións de impermeabilización no depósito da ETAP do Casal, mellorar a seguridade das instalacións coa colocación dunha porta de aceiro, e instalar contadores de entrada tanto no depósito da ETAP do Casal como no depósito da ETAP Circular de Fox, co fin de optimizar o control do consumo e a xestión do abastecemento.

Desde o Concello do Porriño reafírmase o compromiso de seguir colaborando coas comunidades de augas veciñais e co resto das administracións para mellorar a calidade e a eficiencia dos servizos de abastecemento, especialmente no rural, apostando por infraestruturas máis seguras, sostibles e adaptadas ás necesidades da veciñanza.