• O acordo desbloquea unha promoción de vivendas en alugueiro e permite ao Concello incorporar en propiedade un baixo municipal valorado en preto de 400.000 euros, destinado a Servizos Sociais, ao Centro de Información á Muller (CIM) e a novos servizos de atención ás familias

O Porriño, 17 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño vén de asinar un convenio urbanístico que permitirá avanzar na construción dunha nova promoción de vivendas en réxime de alugueiro na contorna da rúa Antonio Palacios – Avenida de Galicia e, ao mesmo tempo, incorporar ao patrimonio municipal un novo local destinado a Servizos Sociais, en plena propiedade e cun elevado valor social e económico.

A actuación desenvólvese sobre unha parcela adquirida pola entidade promotora a unha entidade bancaria, na que existían varias pequenas parcelas de titularidade municipal, cunha superficie aproximada duns 400 metros cadrados, segundo os informes técnicos municipais. Tras a revisión da situación xurídica e logo do correspondente informe do secretario municipal, alcanzouse un acordo de permuta que permitiu desbloquear a actuación urbanística.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, explicou que “a través desta construción de vivendas en réxime de alugueiro, o Concello vén de asinar un convenio coa entidade promotora para permitir o uso duns terreos municipais que estaban integrados na parcela. Aínda que a valoración destes terreos non é moi elevada, a contraprestación que recibe o Concello é moi importante”.

Como resultado do convenio, o Concello recibirá un baixo de nova construción, completamente equipado e acondicionado para uso público, que se destinará a Servizos Sociais. “Falamos dun local amplo, moderno e en condicións óptimas, cunha valoración técnica próxima aos 400.000 euros, o que supón unha mellora moi relevante para o patrimonio municipal e para a atención á cidadanía”, sinalou o rexedor.

Alejandro Lorenzo destacou tamén que “os Servizos Sociais municipais contan hoxe con instalacións moi compartimentadas e con espazos que era necesario mellorar. Este novo local permitiranos dispoñer dunhas dependencias axeitadas, non só para Servizos Sociais, senón tamén para o Centro de Información á Muller (CIM) e para a posta en marcha de novos servizos. Para nós é unha prioridade dotar cunhas oficinas axeitadas a Servizos Sociais e, especialmente, reforzar a atención á cidadanía e ás mulleres a través do CIM. Este novo espazo nace coa vontade de converterse nun punto de encontro para aquelas familias que atravesan algunha situación de necesidade e que requiren o apoio dos servizos municipais. En definitiva, trátase dunha actuación prioritaria para mellorar a atención e o acompañamento ás persoas.”

Neste senso, o alcalde engadiu que “o obxectivo é crear un espazo no que as unidades familiares poidan ser atendidas en condicións dignas, con zonas de espera e descanso, mellorando a atención presencial e a coordinación entre os distintos servizos municipais”.

O convenio permite compatibilizar a promoción de vivenda en alugueiro —unha actuación subvencionada pola Xunta de Galicia— cunha achega municipal que se traduce nun equipamento público estratéxico, reforzando o interese xeral e a mellora dos servizos públicos no Porriño.