- Música, tradición, sorpresas e máis de 2.000 asistentes nun domingo cheo de emoción
O Porriño, 11 de Xaneiro de 2025.- Esta tarde o Concello do Porriño pechou a súa programación de Nadal por todo alto cunha nova edición do Certame de Rondallas, que encheu por completo o pavillón municipal de deportes. Veciños e visitantes de tódalas idades reuníronse para desfrutar dun espectáculo que combina música, tradición e alegría, consolidando o certame como un dos eventos culturais máis importantes da comarca.
O certame reuniu 17 agrupacións de distintos puntos da provincia, que ofreceron actuacións cheas de variedade e musicalidade. Cada rondalla contou con 12 minutos para presentar o seu repertorio, cumprindo ao detalle o regulamento do evento.
Entre os aplausos e a emoción do público, actuaron a Rondalla Santa Eulalia (Mos), a Rondalla de Ventosela (Redondela), a Asociación Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro (Tui), a Rondalla Airiños da Lagoa de Baíña (Baiona), a Rondalla do CSCR de Beade (Vigo), a Asociación Veciñal, Cultural e Recreativa San Mamede de Zamáns (Vigo), a Rondalla Asociación Centro Veciñal e Cultural de Valladares (Vigo), a Rondalla da SCDR Helios de Bembrive (Vigo), a Rondalla do Centro Cultural A Merced de Chaín (Gondomar), a Rondalla da Asociación de Veciños do Galiñeiro de Vincios (Gondomar), a Asociación Rondalla Club Santiaguiño de Guizán (Mos), a Rondalla da Asociación Cultural, Social e Veciñal de Herville (Mos), a Rondalla da Asociación Centro Recreativo e Cultural de Torroso (Mos) e a Rondalla Santiago de Parada (Nigrán) xunto ás formacións anfitrioas: a Asociación Cultural e Musical Rondalla de Pontellas, a Rondalla Santa María do Porriño e a Rondalla Santa Eulalia de Atios, que pechou o certame.
Durante a entrega de detalles, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “o Certame de Rondallas volveu demostrar unha vez máis o seu éxito, con aforo completo e un público entregado. A tradición das rondallas está máis viva que nunca, gracias ao esforzo das agrupacións e á implicación da veciñanza”.
Entre a música e os aplausos o evento consolidouse como un referente cultural da comarca, pechando máis dun mes de programación de Nadal e deixando unha magnífica impresión entre participantes e asistentes. Un domingo no que a música e a tradición se atoparon para crear un momento inesquecible no Porriño.

