- O prazo de presentación de solicitudes abrirá o 16 de xaneiro de 2026 ás 9:00 horas e terá unha duración dun mes ou ata o esgotamento do crédito dispoñible
O Porriño, 9 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño informa ao comercio local da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da convocatoria 2026 das axudas CO300C, impulsadas pola Xunta de Galicia para o impulso da innovación, a modernización e a sostibilidade do comercio local e da artesanía, cun orzamento global de case 4 millóns de euros.
Esta liña de axudas ten como obxectivo incrementar a competitividade do comercio local, apoiándose na modernización, a innovación, a sustentabilidade e o uso das novas tecnoloxías, así como consolidar o sector comercial como un sector profesional, cualificado, de calidade e fortalecido, que promova o consumo responsable e desenvolva unha actividade económica sostible.
O alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de difundir a convocatoria para que todos os comerciantes poidan beneficiarse: “É fundamental que todos os comerciantes do Porriño coñezan esta oportunidade. O noso obxectivo é apoiar aos negocios locais para que se modernicen, innoven e se fagan máis sostibles, e para iso necesitamos que se presenten e se beneficien destas axudas. Desde o Concello seguiremos informando e acompañando ao comercio local para que ninguén quede atrás nesta convocatoria.”
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva, polo que as solicitudes serán atendidas por orde de entrada ata esgotar o crédito dispoñible, polo que resulta especialmente importante presentar a solicitude no inicio do prazo.
Actuacións subvencionables
A convocatoria contempla tres liñas principais de actuación:
Modernización comercial, cun investimento máximo subvencionable de ata 20.000 euros, para obras de acondicionamento do local, adquisición de mobiliario e equipamento, mellora da iluminación, climatización, fachada ou rótulos comerciais.
Dixitalización e innovación, cun investimento máximo subvencionable de ata 18.750 euros, para a implantación ou mellora de páxinas web, comercio electrónico, xestión de redes sociais, software de xestión, sistemas TPV, ciberseguridade e outras solucións dixitais.
Sostibilidade ambiental, cun investimento máximo subvencionable de ata 2.500 euros, destinada á adquisición de embalaxes máis sostibles, como bolsas de papel ou tea e materiais reciclables, coa eliminación de plásticos.
Prazo e presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes abrirá o 16 de xaneiro de 2026 ás 9:00 horas e terá unha duración dun mes, ou ata o esgotamento do crédito dispoñible. As solicitudes deberán presentarse de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. A información completa da convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a través da seguinte ligazón: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260108/AnuncioG0767-261225-0001_es.html
Desde o Concello do Porriño anímase ao comercio local a informarse desta convocatoria e preparar con antelación a documentación necesaria, co obxectivo de aproveitar esta oportunidade para seguir mellorando a competitividade, modernización e sustentabilidade dos establecementos comerciais do municipio.


