O Porriño, 29 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño quenta motores para a chegada das Súas Maxestades os Reis Magos cunha das citas máis agardadas polo público infantil e familiar: O Porriño Peque Fest, a gran festa do Nadal pensada para as nenas e nenos, que se celebrará os días 2, 3 e 4 de xaneiro na pista 2 do Pavillón Municipal dos Deportes.

Durante tres xornadas consecutivas, en horario continuado de 11:30 a 19:00 horas, o pavillón municipal converterase nun gran espazo de lecer infantil que servirá como antesala perfecta á Cabalgata de Reis, permitindo que a cativada goce e viva con intensidade os días previos á noite máis máxica do ano. Inchables, animación, obradoiros, xogos e diversas sorpresas conformarán unha programación pensada para o desfrute das familias, nun ambiente seguro, participativo e cheo de ilusión. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “O Porriño Peque Fest é unha cita clave dentro da programación de Nadal, pensada especialmente para manter viva a ilusión das nenas e nenos nos días previos á chegada dos Reis Magos”. Así mesmo, subliñou que “este tipo de actividades reforzan a convivencia familiar, dinamizan os espazos públicos e contribúen a facer do Porriño unha vila viva tamén durante as festas”.

O Peque Fest enmárcase dentro da programación de Nadal impulsada polo Concello que o 5 de xaneiro  acada un dos momentos máis agardados coa tradicional Cabalgata de Reis Magos, precedida polas visitas das Súas Maxestades ás parroquias, centros educativos e centros de día do municipio. A Cabalgata encherá as rúas de música, cor e ilusión, coa participación de colectivos locais e cun protagonismo especial para o público infantil.

Desde o Concello do Porriño anímase á veciñanza a participar nas actividades programadas e a compartir estes días de Nadal en familia, facendo do municipio un espazo de encontro, ilusión e convivencia.